Thursday 25 de April de 2024

O mercado artesanal de Ordes marca o inicio do programa de Nadal organizado polo Concello


Venres recibirá a visita do carteiro real. Na fin de semana haberá o sorteos de cestas con produtos galegos e artesanais. Tamén se poderán doar alimentos e artigos de hixiene para as familias máis necesitadas

O Campo da Feira de Ordes xa acolle o Mercado Artesanal. Baixo unha gran carpa unha vintena de artesáns expoñen todo tipo de creacións coas que agasallar este Nadal. Quen queira poderá visitalo de 11 a 21 horas ata o vindeiro luns, día 24. Este último día pecharase ás 14 horas.

Para incentivar as ventas durante toda a fin de semana levaranse a cabo unha serie de iniciativas e promocións. Así, mañá venres o carteiro real atenderá a todos os nenos e nenas dende as 18 ata as 20 horas. O sábado haberá un sorteo entre a clientela dunha cesta composta por alimentos e bebidas galegas, mentres que o domingo farase o mesmo con produtos artesáns dos que están á venda. En ambos casos o sorteo celebrarase ás 20 horas.

Este mercado tamén acolle un lado solidario. No vindeiros día calquera persoa pode doar alimentos ou produtos de hixiene infantil e para persoas adultas. O que se acade entregarase ás familias máis necesitadas do municipio.

O programa de Nadal organizado polo Concello de Ordes inclúe tamén as seguintes actuacións e actividades:

• Mércores 26 de decembro ás 18 horas na Casa da Cultura terá lugar o espectáculo de pompas de xabón ‘Os fabulosos cleaners’.

• Xoves 27 de decembro de 16.30 a 20 horas no pavillón Castelao 1 Gran festa de Nadal. Xogos, animacións, obradoiros, inchables, chocolate e rosca para toda a familia.

• Venres 28 de decembro programación doble:

Ás 20.30 horas na Casa da Cultura cine, ‘Sicixia. Paseo polo amor e a Costa da Morte’ (non recomendada a menores de 12 anos).

Tarde de diversión no parque ‘Xuvenlugo’. Autobús gratuíto. Entrada 4,50 €. Inscricións no Departamento de Cultura ata o 21 de decembro.

• Sábado 29 de decembro ás 20 horas na Casa da Cultura ‘Festival de Nadal’ coa Banda de Música de Ordes.

• Mércores 2 de xaneiro ‘O tesouro de Calicó Jack’, xogo de escape hall. Actividade que se levará a cabo na Coruña para nenos e nenas a partir dos 11 anos. Entrada 12 €. Autobús gratuíto. Inscricións no Departamento de Cultura.

• Xoves 3 de xaneiro ás 18 horas na Casa da Cultura espectáculo de monicreques ‘O traxe novo do rei’.

• Venres 4 de xaneiro de 17 a 19 horas ‘Momento doce’. Flocos e algodóns de azucre de balde para os nenos e nenas nos soportais do Concello vello.

Como cada 5 de xaneiro Melchor, Gaspar e Baltasar farán parada en Ordes. A gran Cabalgata organizada polo Concello virá repleta de agasallos, caramelos e moitas máis sorpresas. As súas maxestades pasarán varias horas cos nenos e nenas de Ordes, que terán unha ocasión idónea para recordarlle ao seu rei favorito o contido das súas cartas.

A Deputación da Coruña, a Asociación de Comerciantes de Ordes, o Curso de Habilidades Sociais e Autonomía Persoal para Persoas con Discapacidade que se imparte no Mesón do Vento e Cruz Vermella Ordes colaboran co Concello na realización e o desenvolvemento destas actividades.